Este capítulo da unha sinopsis do instrumento e dos seus elementos.
ELEMENTOS DA GAITA
As gaitas galegas están compostas por un fol, unha especie de saco, que se fabrica con materiais sintéticos como o goretex ou con coiro. Normalmente leva unha funda que protexe e decora.
O fol énchese polo soprete con aire mentres unha válvula interior impide que o aire saia outra vez. O fol sirve de almacén de aire grazas ao cal é posible tocar continúamente sen ter que soprar todolo tempo.
Por medio do fol distribúese aire aos distintos elementos sonoros como o punteiro, o ronco, a ronqueta e o chillón asi que temos cun só instrumento todo un conxunto sonoro. Cando se apreta co brazo sobre o fol o aire entra nos elementos sonoros. Estes fabrícanse con madeira e segundo a clase empregada son claros, ródenos, marrons ou case negros. As gaitas galegas teñen sempre un ronco, o elemento sonoro máis grande, que sae da parte superior do fol e que se coloca no ombreiro do gaiteiro ou da gaiteira. Frecuentemente está adornado con flecos e unha borla. O pallón que se atopa dentro do ronco produce un son de zumbido constante (dúas oitavas por debaixo da tónica do punteiro).
As gaitas poden ter un segundo ou terceiro tubo sonoro, unha ronqueta e un chillón. Atópanse na parte lateral do fol e colócanse no antebrazo da gaiteira ou do gaiteiro. Ambolos dous dispoñen de pallóns para producir os sons constantes (a ronqueta unha oitava por debaixo da tónica do punteiro e o chillón ao mesmo son que a tónica do punteiro). O chillón pode levar palleta en vez de pallón.
A melodía tócase co punteiro que ten semellanzas cunha frauta. Atópase na parte anterior do fol e dispón dunha palleta imprescindible para xerar o son.
En canto á tonalidade das gaitas galegas, o punteiro está afinado en DO na maioría dos casos. (O ronco soa pois tamén en DO, pero dúas oitavas máis grave que o punteiro.)
Outras tonalidades frecuentes son SI bemol e RE. (Nestes casos o punteiro está afinado en SI bemol ou en RE e o ronco tamén en SI bemol ou en RE.)
A tonalidade dunha gaita non se pode cambiar e cunha gaita en DO só se pode tocar en DO. Nembargantes hai a posibilidade de - coa mesma gaita - cambiar o punteiro e utilizar un en SI bemol, engadíndolle ao ronco da gaita en DO unha peza especial chamada "terzo de ronco" para que soe en SI bemol.
Información adicional sobre os materais das gaitas en "Aprender a gaita - Selección + Compra".
Máis detalles sobre os elementos e o funcionamento do instrumento en "Curso de gaita II - Preparación (gaita)".
|