Afinar o ronco


É moi importante afinar sempre o instrumento. Neste capítulo explicamos a afinación do ronco e facemos exercicios para familiarizarnos con este procedemento.

CAMBIAR A ALTURA DO SON DO RONCO

 

Antes de tocar é importante afinar a gaita: o son do ronco ten que estar afinado co punteiro. Cando os dous soan non deben escoitarse oscilacións. Debe escoitarse un son armónico e uniforme. Ainda sen experiencia na afinación e sen ter o ouvido afeito pódese adquirir co tempo unha sensibilidade para lograr facelo.

 

Comezamos co ronco que contén tres partes: a parte inferior chamada "prima" que contén o pallón e que se situa preto do fol, a parte media, a "segunda" e a parte superior que se chama "copa". Podemos abrir ou pechar o ronco virando a copa ou a segunda. A prima co pallón queda no fol e non se move.

 

Cando abrimos as pezas do ronco, o ronco alóngase e por iso o son é máis grave.

Abrir = máis longo = máis grave

 

Cando pechamos as pezas do ronco, o ronco acúrtase e por iso o son é máis agudo. Pechar = máis curto = máis agudo

 

Para afinar o ronco, apartamos un pouco a gaita do ombreiro e cambiamos as distancias entre as súas pezas virándoas.

 

 

Gaita galega - Distancia entre "Prima" / "Segunda"
Distancia entre "Prima" / "Segunda" (exemplo)
Gaita galega - Copa, Segunda, Prima
Copa, Segunda, Prima (dende arriba ata abaixo)
Gaita galega - Tres partes ronco
Tres partes ronco

AFINAR O RONCO CO PUNTEIRO

 

Mais como sabemos se hai que pechar as pezas do ronco ou abrilas? E para afinar que referencias temos?

 

O punteiro dunha gaita en DO está afinado en DO e tamén o ronco soa en DO, pero dúas oitavas máis baixo que o punteiro. Cando poñemos todolos dedos no punteiro agás o meimiño, a gaita en DO da un DO. E ese DO é a nosa referencia para afinar o ronco. Cando tocamos esta nota e escoitamos oscilacións entre o ronco e o punteiro, sabemos que o ronco non está afinado correctamente. Para saber se hai que pechar ou abrir o ronco, poñemos o meimiño ao borde do último burato e comezamos a pechalo moi a modiño. Trátase só dalguns milímetros.

 

1) Se as oscilacións diminuen e o son do punteiro soa mellor co ronco, sabemos que hai que pechar un pouco as pezas do ronco.

 

Explicación: Cando poñemos o meimiño no último burato, a nota soa máis grave. Se iso soa mellor co ronco significa que o ronco está demasiado grave e que hai que poñelo máis agudo (= máis curto).

 

2) Se as oscilacións incrementanse, é que fomos na mala dirección. Para comprobar no outro sentido, sacamos o meimiño do burato e comezamos a arrastrar o anular dereito pouco a pouco do penúltimo burato. Se as oscilacións diminúen, significa que hai que abrir as pezas do ronco.

 

Explicación: Cando o penúltimo burato está máis aberto, a nota soa máis aguda. Se iso soa mellor co ronco sabemos, que o ronco está demasiado agudo e que hai que poñelo máis longo (= máis grave).

 

Regla:

Menos oscilacións co meimiño no burato - pechar o ronco

Menos oscilacións co anular arrastrado do burato - abrir o ronco

 

Para dar un punto de referencia: Cando poñemos o meimiño aprox. 2 mm no burato, hai que pechar o ronco aprox. 5 mm.

 

Gaita galega - Poñer meimiño ao borde do burato
Poñer meimiño ao borde do burato
Gaita galega - Afinar o ronco
Afinar o ronco

EXERCICIO PRÁCTICO

Probamos agora a teoría na práctica: Colocar a gaita, encher o fol, apretar co brazo, ter un tempero o máis constante posible. Agora escoitamos o son - hai oscilacións? Para comprobalo poñemos o meimiño milimétro por milimétro sobre o derradeiro burato. Desaparecen as oscilacións? Se é asi, sabemos que o ronco está demasiado grave, porque soa mellor con esta nota grave (poñendo o dedo, a nota soa máis grave). Pero en realidade o derradeiro burato está completamente aberto, por iso o ronco ten que soar máis agudo. Apartamos un pouco a gaita do ombreiro e pechamos as pezas do ronco. Comprobamos se agora soa mellor que antes. Se ainda hai oscilacións repetimos o proceso.

Tamén é posible que haxa que poñer o ronco máis grave. Iso sabémolo cando metemos o meimiño pouco a pouco no burato sen que haxa melloría sonora. Neste caso retiramos pouco a pouco o anular do burato. Se agora o punteiro soa mellor co ronco sabemos que o ronco está demasiado alto (porque soa mellor co son máis agudo que soa cando retiramos o anular). Sacamos o ronco e abrímolo para poñelo máis grave. Despois comprobamos se agora soa mellor e xa non hai oscilacións.

 

Ao principio o proceso de afinación pode semellar complicado, mais co tempo colleremos experiencia e funcionará cada vez mellor. De todos xeitos avanzamos!

 

Sempre antes de tocar deberíamos tentar afinar o instrumento. É aconsellable, sobre todo ao principio, non pasar demasiado tempo para afinar perfectamente. Afinar custa forzas e non deberíamos pasar máis que 5 ou 10 minutos par facelo. Iremos mellorando co tempo!

 

Agora que aprendemos como funciona o tempero e a afinación do ronco, estamos listos para o seguinte paso ...! Imos ao "Curso de gaita II - Inicio".